Pequenas escoltas

 Por Anxo Dafonte, 2021

Araneae Eresoidea Oecobiidae

Os ecóbidos son uns arácnidos moi comúns nas nosas vivendas e sobre todo, moi pequenos. O seu tamaño non evitará os medos daqueles quenes padecemos desa inexplicábel, irracional e ilóxica fobia ou medo ante eses seres, a aracnofobia, xa que son totalmente inócuas pra os seres humanos.


Esas pequeniñas arañiñas que temos no fogar

Non teñen un tamaño superior a uns dous milímetros e fabrican a súa tea en calquera fendedura que poidan atopar na vivenda.

Coma calquera outro arácnido, fan un gran servizo de control de pragas e témoslle moito que agradecer, así que pénsao mellor antes de rematar cun ser tan pequeniño e que ademais non che supón ningún tipo de molestia.


En canto notan a nosa presencia fuxen rapidamente e o seu pequeno tamaño facilítalles moito esa fuxida e é por iso que veremos realmente moitas menos das que poidamos ter pola casa.

Sonche moi rápidas camiñando e tamén tecendo un fío case invisible pra desprazarse e que poderían usar tamén na súa fuxida.


A sesión fotográfica

O descubrimento desta pequeniña na nosa casa foi posíbel grazas ao susto da nosa filla que estaba a estudar cando dun xeito que aínda non chego a entender á nosa amiga non se lle ocorreu outra cousa mellor que facer que baixar explorar a peza na que se atopaba.

A nosa filla é a mellor bucina que pode haber pra avisar de que algún ser vivo, forme parte das nosas mascotas ou non, pasea pola vivenda e moitas das fotografías de insectos que fago na casa non sería posíbeis sen ela.



Unha vez recollida con moito mimo non dispoñíamos de moito tempo pra motar un set fotográfico pois en dez minutiños tiña que saír voando pro traballo.

Usamos dúas lamias de cartón pruma de cor branca, unha coma fondo e outra de superficie, suxeitas con pinzas pra que o "estudio" non se viñera abaixo.



O primeiro que tiña a man era un antigo lente analóxico da marca Zenit, un Helios 44M6 que puxen con axuda dun aro adaptador para lentes de 58mm al 12-42mm que trae o kit da miña Olympus OM-D E-M10 Mk III.

Colocar este lente fronte un angular produce unha notábel viñeta pero grazas a que o lente de kit é de focal variábel puiden elexir unha distancia focal máis estándar e usar coma "lupa" ao Helios.



A iluminación foi moi sinxela. Primeiro probei cunha lanterna que tiña a man cun faz de luz regulable pero atopeime co problema de que ao ser de tipo LED producía certo parpadexo e algunhas zonas captábanse en negro o que impedía ademais subir a velocidade xa que ese efecto acentuaríase.

Amósoche ese efecto do que che falo a continuación porque a fotografía coido que non merece perderse nos arquivos dun disco duro e dálle unha sensación de abismo ao camiño que toma a nosa amiguiña:


Así foi que tiven que confiar no estabilizador do corpo da miña pequecha Olympus xa que nin trípode tiña tempo de montar e perseguindo coma podía á pequena e rápida arañiña, tratando de asustala e molestala o menos posíbel, puiden obter algunha imaxe frontal aínda que cecáis non coa nitidez que tivese desexado.

Pode que noutra ocasión me colla con máis tempo pra gozar da sesión; pero mentres, aquí vos deixo unhas cantas imaxes dese milimétrico ser que cando o ves con certa magnificación chámate moito máis a atención.



Comentarios