Unha tartaruga chinesa con tres crestas

Por Anxo Dafonte, 2021

Mauremys Reevesii

A tartaruga chinesa crestada é unha especie moi peculiar e nesta publicación preséntoche a un destes exemplares.

 A especie

Ten un nome científico algo complicadiño: Mauremys Reevesii, aínda que non sempre foi así pois antes chamábaselle Chinemys Reevesii que ven sendo algo así coma tartaruga de reeves, tamén coñecida coma tartaruga chinesa crestada.

Trátase dun animal bastante máis intelixente do que nos puidera parecer e tamén moi tranquilo. Sería unha gran mascota se non estivese na Listaxe Vermella de animais protexidos, pois a súa especie atópase nun serio risco de inminente extinción. Por mor diso foi que no seu día chegouse a un acordo internacional que prohibe a importación e exportación deste animaliño; porén, desgraciadamente, este acordo non é respectado por tódolos países.

As femias desta especie son moito máis grandes cos machos e no caso deste exemplar, que é dos últimos, cremos que está xa no seu límite de tamaño.

Esta especie de tartaruga acuática asiática atopábase distribuída por augas do Xapón, Corea, Taiwán e a China. Pero os humanos esquimámo-la súa poboación pra usala na fabricación de alimento e menciñas. Tamén fomos destruíndo o seu hábitat o que dificulta aínda máis a súa supervivencia en estado salvaxe.

Se non sufren problemas de crecemento poden chegar a medir duns once ós vintecatro centímetros de lonxitude na cuncha.

A sesión de fotos

Estas sesións foron feitas todas a man alzada e axudada cuns tubos de extensión que foron acoplados entre o corpo e o lente pra poder reducir a distancia mínima de enfoque. Fixémola dentro e fóra do acuario pero sempre nun ambiente limpo e protexido.

 O truco pra unha sesión de fotos con este tipo de mascotas é gañarte a súa confianza a base de xogos.

Obviamente, o sapoconcho móvese e sobre todo cando non entende que estás a xogar con el poidendo chegarse a pór moi tenso. Así que é preciso ir con moito tino e pouquiño a pouco. Tes que armarte de paciencia pra obturar no mesmo intre no que se deteña e permaneza á espreita do teu seguinte movemento. Eu procuro facer que vaia seguindo a miña man que vou pasando por diante e ó longo de todo o acuario, dun lado cara o outro e moi despaciño.

Ten o costume de buscarte e fuxir á hora de xogar así que non sempre quererá que interactúes con ela. Sabes que non sinte medo cando non se agocha, e no momento no que pensa que perdeche-lo interese por xogar será o animaliño quen trate de chamar a atención dun xeito moi activo.

Cando chega ese momento, un dos xeitos de chamar a atención podería ser poñéndose nunha pose intimidatoria. Ergue o seu corpo sobre a súas patas asemellándose moito a un gorila e sorprende moito a altura que é capaz de acadar. A primeira vez que me fixo iso pensei que a amolara dalgún xeito pero pronto decateime de que non era así, que seguramente sexa unha posición agresiva pra cando síntese ameazada, pero non era o caso. Unicamente quería que seguise a xogar con ela.

Durante toda a sesión non tiven ningún momento de tensión con ela e dese xeito puiden cambiar a dirección do xogo e agardar a que se achegase curiosa ó lente. Eses foron os mellore momentos pra expoñer e agradézolle tan marabillosos agasallos pola súa banda.

Primeirísimos primeiros planos

Prá sesión de retrato na que vemos o seu olliño moito máis de preto e na que se atopa fóra do seu acuario troquei os tubos de extensión por un lente analóxico que usaba coa miña vella Zenit 122: un Helios 44M6 que posto diante do meu lente kit de focal variábel na súa lonxitude máis estándar amplifica coma unha lupa calquera suxeito co que se tope diante.

Esta técnica obrígache a achegarte moito, moito; tanto que incluso no ollo do sapoconcho poderás ver reflectido o lente. Con todo, non se lle expuxo a ningún tipo de estrés nin foi violentada en ningún intre.

Lembra que cando fas fotografías deste tipo debes ante todo agradecer ó modelo, sexa ou non humano, o esforzo e a paciencia que teñen pois a metade do éxito correspóndelles a eles.

O seu carácter tan sociábel foi garante do éxito desta sesión e hai que recoñecer que fermosiño, este sapoconcho, éche un pouquiño.
Agardamos gozaras coas imaxes deste animaliño e animámoste a deixar os teus comentarios, dúbidas ou suxestións que responderemos encantados. Grazas por vires!


Comentarios