Chinchando no amorodo

 Por Anxo Dafonte, 2021

Dolycoris Baccarum

En xeral, coñecemos a esta especie coma chinche do amorodo. A cor cebrada das súas antenas a distingue da chinche mediterránea ou Carpocoris Mediterraneus.


Coñecendo cousiñas desta especie

Aliméntase do zume dos talos e tamén dos froitos, o que a converte nunha eterna inimiga dos agricultores e por elo está considerada coma unha praga.

Non lles gusta nada o frío e a pesar de que os adultos viven entre uns catro e seis meses de media, cando baixan as temperaturas hibernan en lugares coma fendas entre as paredes ou rochas, cortizas das árbores ou incluso baixo os penedos ata que as temperaturas volven subir.


Con todo, non sofren de moitos problemas á hora de perpetuar a especie debido a que no seu ciclo vital poden chegar a poñer entre cinco e sete veces cunha media de trinta ovos en cada unha.

Hoxe en día podemos atopalas por Europa, Asia e o Norte de África, en sitios onde non falten as hortas, xardíns e bosques pretos da auga onde atopan con facilidade arbustos frutais.


Sinten moita atracción por froitas coma os amorodos e cando atacan unha plantación destinada ó consumo humano deixana totalmente inservíbel ó quedar o seu cuspe en cantidades considerábeis dándolle á froita un sabor moi desagradábel.

Coma mecanismo de defensa expulsa unha cheirenta toxina que inclúe substancias químicas perigosas pró ser humano coma por exemplo o cianuro, sendo por elo tan importante non comer froita sen tela lavado ben con anterioridade xa que nunca sabemos que poderiamos ter levado á boca.

Unha sesión cunha modelo excepcional

Prá sesión fotográfica usei o meu lente de máis longa focal en Micro Catro Tercios que no meu caso é un 40-150mm que ten unha distancia mínima de enfoque de noventa centímetros a cal puiden reducir grazas a un par de tubos de extensión de dez e dezaseis milímetros.

Cando din con este exemplar o sol estaba nunha posición tan alta e o ceo tan despexado que non precisei máis axuda pra iluminar, nin sequera modificadores ou rebotadores. As exposicións fíxenas a man alzada, sen axuda de trípode. Así e todo, gústame moito expoñer deste xeito cando trato con fauna porque síntome con maior liberdade de movemento, moito máis cómodo.


Ver ó insecto con esa cor vermella nunha zona de follas tan verdes dicíame que o resultado ía ser moi agradábel e só tiña que agardar a que se colocase nunha posición onde poder sacarlle proveito a ese contraste cromático existente entre o fondo e o suxeito e que ademais saturábase moito por mor da luz natural que lle incidía dese xeito tan cenital.

Foron imaxes das que teño que admitir que síntome bastante satisfeito por iso que está tan de moda do baixo custo e que eu levo practicando toda a miña vida... debe ser que iso do aforro económico ou a fotografía pra xente con baixos ingresos nunca se puido dar até o de agora, non sei! O que si sei é que entón eu debín ser de sempre un visionario... en fin!

Chámolle de baixo custo porque coma sempre, fotografei cun equipo de gama entrada: a miña querida Olympus OM-D EM-10 Mk III e o lente kit do que vos falaba antes e que demostra unha vez máis que facer fotografía de aproximación non require tampouco de tanto aquel e inversións astronómicas.


Ate o día de hoxe (e falo da publicación e non de cando preparei o documento) podo dicir que non dispoño de ningún equipo nin óptica tecnoloxicamente preparada prá consecución de macrofotografía ou fotografía de aproximación e, de poder eu, ti tamén podes!


Aínda que bon! Se algunha marca ten interese en solucionarme ese problema xa sabe o que ten que facer, a min non se me esquece nunca botarlle-la culpa ó equipo co que fixen as miñas fotos 😉

Comentarios